Porto dispatch, 3. Petiscos de volta.
Quería ter despachado máis por aquí, e ao final despachei menos porque me dediquei, como prometera, a pasear e ver pelis. Mando así e todo uns petiscos desta semana, xa desde a casa.
Unha vez superada a primeira impresión do turistificada que está a cidade, sentín como os veciños e a vida normal collían protagonismo a partir da segunda feira. Acubilleime en cafetarias normais a tomar café e natas por riba das miñas posibilidades, fixen vida de festival de cine con amigas que viñeron da Galiza, outras que viven aquí e amigos novos que fixen entre filme e filme.
Non me movín moito da Baixa. A memoria dos meus pasos desta vez pivotou entre a praça da Trindade e a praça da Batalha. Entre o cinema Passos Manuel e o Maus Hábitos. Estiven no local de Canal180 na rúa de Miguel Bombarda e ata apañei un bus para ir á Universidade Católica. Vida de cultureta gafapasta tripeira. Vida de Rui e Nuno, en definitiva.
Aliás, gostei do ambiente do festival, que non era nin tan cultureta nin tan gafapasta. Quizais ese postureo era máis propio dos anos 2010. Había moita xente nova e xente bastante maior. Esa mestura entre universitarios e señoras que se pode ver na Filmoteca da Coruña. Como parte deste último colectivo, sentinme bastante cómoda.
Tardes de soledad e coloquio de Albert Serra. Gustoume moito a primeira media hora, desconectei a partir do quinto touro. Podo tolerar que se torture o espectador porque temos onde levalas, pero mesturalo con ver torturar animais paréceme completamente innecesario. No coloquio gostei de ver como Serra toureaba un espectador-Mihura, un afeccionado aos touros portugués que empezou a louvar tanto o filme, o toureiro protagonista e as touradas, que ata o propio director lle tivo que dicir que non era para tanto ningunha das tres cousas. Foi a primeira vez que o vin mostrando pudor ao gabalo alguén que non é el mesmo. O caso é levar a contraria.
As pelis de Salomé Jashi. A esta directora xeorxiana dedicáronlle o Foco deste ano no festival e puxeron varias pelis dela. A que máis me gustou foi unha curta titulada A Crypto Rush Aftermath, onde os veciños dunha vila agricola de Xeorxia contan como se arruinaron metendo os seus aforros nunha estafa piramidal de Tesla Media.
Aquí podedes ver a curta enteira con subtitulos en ingles:
Podía parecer que Xeorxia ten un aquel con Galicia, non? Mais eles están moito máis fodidos ca nós, sufriron unha guerra hai quince anos e as pegadas deles seguen moi presentes, así como do poder oligarca corrupto que tamén corrompe o pobo.
O que me move é capturar a través do cine, sen necesidade de mostralo, o inquietante, o problemático, o que me enfurece do meu país. E como é o meu país, síntome no dereito de facelo.
Resoáronme moito estas frases, vivindo nun país no que a creación cultural recente, e a cinematográfíca en concreto, esquiva esa mirada crítica, preocupado de máis por normalizar e dignificar o país. En que momento se nos deu esa misión? Cando remataremos con ela a ver se os creadores empezan a sinalar as cousas problemáticas que, coma todos, ten este país.
Facer iso ten consecuencias, claro, algunhas máis felices ca outras. Taming the Garden é unha longametraxe de 2022 na que Jashi conta como un megacacique e ex-primeiro ministro se dedica a arrincar árbores centenarias dos bosques e vilas do país para transplantalas ao seu xardín particular.
No filme nin aparece nin o oligarca, nin se menciona, a pensas se ve como as árbores son arrancadas (e toda a megaestrutura e maquinaria precisa para facelo) e como o viven os veciños de onde están esas árbores. Aínda con esa sutileza, o filme foi censurado pola Academia de Cinema Xeorxiana. Tamén foi exhibido en máis dun cento de festivais en todo o mundo, estreado en Cannes e en Sundance, e finalista nos Premios do Cinema Europeo. Hai que ser valente para provocar o primeiro, e ter moito talento para acadar o segundo. Aínda así, o filme aburriume un pouco.
Esta foi a tónica de case todas as pelis que vin: de 20 proxeccións ás que asistín, só en 3 non adormecín. 17 sonecas de mañá, tarde e noite, que me prestaron ben, que duraron entre 1 e 20 minutos, que non impediron que gozase dos filmes igualmente. Hai que deixarse levar. Sobarlle un bocadinho fai parte da experiencia, e se hai que tomarlle algún café extra para aguantar pois marabilla, que aquí o café é outra cousa.
Non se trata de que as pelis sexan paradas ou movidas. Vin moitos documentais musicais que tiñan todo o ritmo do mundo. Sobeille ben no de Pavement e no de Peaches, tamén no de ABBA unha miguiña e noutro sobre o movemento Free Party de raves no Reino Unido nos 90. Non sobei no de Lee Ranaldo con Refree (que podería, pero polo que sexa o proceso de gravar un disco contado en 2 horas tívome coa cabeza tesa todo o tempo) nin no derradeiro que vin o venres, Ernest Cole: lost and found, que non é musical pero si biográfico, no que Raoul Peck, o director de I Am Not Your Negro, conta a historia do fotógrafo surafricano exiliado a Nova York, en paralelo á do Apartheid. Todo a través de centos de fotos que apareceron hai uns anos misteriosamente nun depósito dun banco de Suecia. As fotos, impresionantes, e o relato que escribe Raoul Peck en primeira persoa coma se fose Cole, a partir de entrevistas e testemuños, tamén.
Coma sempre, interesáronme menos os documentais observacionais ou excesivamente amaneirados. O xénero préstase demasiado á severidade, a intensidade, á tristeza, á lentitude. Compro quizais que a xente severa, intensa, triste e lenta atopou aquí o seu medio de expresión e mira, marabilla para ela. Mais acho que está sobrerrepresentada. E que a xente de espíritu alegre ten a obriga, máis que nunca, de facer documentais, igualmente interesantes e profundos pero que usen outros tons e texturas na paleta, non sempre os mesmos.
Estou convencida que debaixo desa capa de severidade impostada ocúltase unha capa de humanidade con máis chispa, alegría e mala hostia. A alegría ben colocada pode ser moito menos amable co poder que a tediosa languidez inocua que vemos en tantos filmes.
Ata aqui a modesta crónica dunha semana de filmes mesturados coa vida nunha cidade allea, nunha das mellores que coñezo.
Epílogo: o luns pasei un pouco de casualidade polo foro de coprodución Galiza-Portugal que se celebrou no contexto do festival, e nos momentos do café pitcheeille informalmente a idea da serie antolóxica tipo Modern Love sobre as parellas galegas que van pasar a fin de semana ao Porto, e vaia, entusiasmou. Non só na miña cabeza era espectacular. Así que fica aquí escrito por se algun día vedes que esa coprodución sae adiante e ninguén me di nada dos royalties.
Grazas, por certo, ás que me mandastes as vosas historias de visita de namorados ao Porto. Que foron tres ou catro. Haber hai un tema aí. Cantas historias máis non haberá coma esta de Amador (o nome non é ficticio).
..pois xa que pediches historias de Amor galego à moda do Porto, hai anos, por unha ponte do 1 de maio, ocorreuseme organizar unha visita a Porto, entrando por Chaves, seguindo o Támega e despois o Douro.
Entre moteis de carretera que non se usaron para o que se sospeita e hoteis de polígonos industriais con leds de cores á beira sur do río, así empezou a miña relacion actual 😌
Porto segue a ser a nosa cidade onde todo botou a andar 🥰