Porto dispatch, 1
Vou botar uns días paseando e vendo filmes na Baixa do Porto. Desde aquí irei mandando algún informe.
Había máis de dez anos que non viña por esta cidade. Só levo aquí unhas horas e nunha primeira impresión atópoa bastante cambiada, coma se tomase a Substancia e neste tempo todas as lojas, os mercados, os portais, pisos, os cafés fosen unha nova versión de si mesma: máis nova, máis bela, máis perfecta. Non sei se me acaba de convencer.
Hai unha cousa que non cambia, xa no primeiro diálogo cun taxista: ese intercambio lingüístico polo cal a visitante galega fala no seu precario portugués e o local contéstalle no seu precario español. Dúas identidades acomplexadas batallando entre elas a ver cal se adapta máis á lingua do outro. Estas cousas a un madrileño non lle pasan, e por iso o taxista sabe que non está de máis tentar falar o español.
Quizais si que mude nas xeracións máis novas: a que me deu a acreditación do festival de cinema ao que veño contestoume todo en portugués sen deixar de sorrir nin contemplar outra posibilidade. Obrigada, rainha. Deus che conserve moitos anos a Alegría aos mandos da cachola.
O festival de cinema ao que veño é o Porto/Post/Doc. Primieira vez aquí, e veño por pracer. A miña idea é ver unha ou varias pelis ao día e tratar de pasear pola cidade. A ver se me queda tempo e enerxía para irvos contando aquí as miñas impresións das pelis e da cidade.
Déixovos por agora un par de fotos do impresionante Cinema Batalha, sede principal do festival. Antes e despois de tomar a Substancia.
Breve Cormorán dispatch
Deixo na Coruña o festival Cormorán Cinema, que remata hoxe domingo e que durante dez días trouxo á cidade pelis fabulosas e a oportunidade de falar con cineastas estupendos como Elías León Siminiani, que acaba de estrear en Prime Video El circo de los muchachos; Enrique Buleo, o director dun filme moi simpatico titulado Bodegón con fantasmas, unha comedia-antoloxía de cinco historias curtas nas que os mortos conviven cos veciños dunha vila da Manchuela entre Cuenca e Albacete; Javi Lafuente, produtor en Los Ilusos das pelis de Jonás Trueba e de Itsaso Arana, entre outros, a quen levamos onte a comprobar a fama da tortilla coruñesa; e o gran Carlos Marques-Marcet, que veu falar de como retratar a intimidade no cinema, e presentar a súa última peli, Polvo serán, da que xa falei no último post.
Na Coruña xa non podedes, pero se a poñen na vosa cidade, correde a ver Polvo serán antes de que a quiten. Aquí unhas fotos que fixo Mario Llorca do paso de Marques-Marcet polos Cantones Cines o pasado mércores.
A poucos metros de alí, a esa hora, estaba Luca Guadagnino, o director de Call Me By Your Name ou Challengers, e que en breve estrea Queer, a súa adaptación da novela de William S. Burroughs con Daniel Craig de protagonista. O bo de Guadagnino estivo unha vez mais acompañando a súa amiga Marta Ortega na inauguración para VIPs da exposición que cada ano por estas datas fai no porto da cidade, esta vez de Irving Penn. Levaría Marta a Luca tamén a probar a tortilla?
Aquí tedes o tráiler de Queer, pintaza, coa preciosa version que fixera Sinéad O’Connor de “All Apologies” de Nirvana.
Até já!